CRTVG

Buscar

Aprazado ata o 9 de decembro o xuízo polo asasinato de Ana Enjamio

Publicado o 14/11/2019 13:49

A sección quinta da Audiencia de Pontevedra aprazou ao 9 de decembro, por un defecto de forma, o inicio do xuízo con xurado popular contra César Adrio, o home acusado de matar a coiteladas a Ana Enjamio, a moza de Boqueixón, en decembro de 2016 en Vigo.

O avogado do acusado, César Adrio, detallou que o aprazamento se debe a un defecto na tramitación da convocatoria de candidatos do xurado, concretamente, do cuestionario que teñen que cubrir obrigatoriamente, e que non se deu traslado ás partes.

A fiscalía pide para César Adrio unha pena de 27 anos de cárcere polos delitos de asasinato, coas agravantes de aleivosía e asañamento, e de acoso.

A Xunta, que exerce a acusación popular, eleva a petición de pena a 33 anos polos delitos de asasinato, outro de acoso ou subsidiariamente acoso ilexítimo e outro delito por vulneración da intimidade.

Ademais da pena de cárcere, a fiscalía pide para o acusado unha orde de afastamento dun radio de 500 metros respecto dos domicilios dos pais e irmán da vítima, así como a eles mesmos onde queira que se atopen durante dez anos por encima da pena de prisión que se lle impoña.

Como responsabilidade civil, pide que indemnice cada un dos pais da vítima con 200.000 euros, e a seu irmán con 50.000 euros, en concepto de dano moral ocasionado a cada un deles.

No seu escrito de acusación, a fiscalía fai constar que Ana Enjamio iniciou unha relación sentimental con Adrio aos dous meses de coñecelo na empresa Grupo Cablerías, no Porriño, onde ela empezou a traballar a mediados de 2015.

Tamén relata que o acusado, casado e con dous fillos de pouca idade, foi vivir coa vítima durante uns meses, ata que ela decidiu romper a relación, o que el "non aceptou".

César Adrio tratou de convencela a miúdo de que volvesen estar xuntos, a pesar de saber que ela reiniciara unha relación cunha ex-parella.

Sostén o fiscal que o acusado chegou a "obsesionarse completamente" coa vítima, ata o punto de confesarlle a algúns amigos e coñecidos que rompera a súa familia por estar con ela e se non estaba con el, tampouco ía estar coa súa nova parella.

O 16 de decembro de 2016 celebrouse a cea de Nadal da empresa en que traballaban a vítima e o acusado, onde ela lle pediu que a deixase en paz e que marchase.

Ana Enjamio marchou con tres amigas e tras elas saíu o acusado, quen se apresurou para chegar antes que a vítima ao seu edificio.

Cando ela abriu o portal, o acusado abordouna e despois dunha breve discusión ameazouna cunha arma branca cunha folla duns 11 centímetros de lonxitude e uns 2 centímetros de anchura.

Entón, sempre segundo explica a fiscalía, acurralouna e obrigouna a ir ata o fondo do portal producíndolle varios cortes, ao principio superficiais, no pescozo, o abdome, un brazo e a roupa, mentres ela lle pedía a berros que a deixase.

A continuación, César Adrio, "co fin de quitarlle a vida", tapoulle a boca cunha man e coa outra cravoulle o coitelo ou navalla repetidamente en varias zonas do seu corpo, mentres ela trataba de evitalo coas súas mans, nas que recibiu varias cortadas.

Incide o fiscal en que a acoitelou repetidas veces, ocasionándolle múltiples feridas, e "aumentando brutal e deliberadamente" desa forma o sufrimento da vítima.

Un total de 28 feridas foron cortopunzantes, doce delas alcanzáronlle o corazón e seis atravesáronllo, o que lle produciu un shock hipovolémico que determinou a súa morte instantánea.

Foi un veciño quen descubriu o cadáver da moza tendido no chan do portal sobre un charco de sangue.

Sostén o fiscal que César Adrio levou o móbil da vítima, do que se desfixo, do mesmo xeito que da arma do crime e da roupa e o calzado que vestía, e que acudiu á casa dos seus pais para ducharse.

Estaba previsto que hoxe, na primeira das sete xornadas fixadas para este xuízo, se completase a conformación do xurado popular, xa que das 36 persoas escollidas inicialmente por sorteo só puideron ser preseleccionadas 18, tras seren aceptadas diferentes escusas, maioritariamente de idade ou por non residir no partido xudicial.

O mínimo legal esixible é de 20 precandidatos, polo que foron convocadas hoxe outras persoas por sorteo que debían completar esa cota, e a partir de aí realizar os descartes necesarios ata conformar o xurado definitivo, composto por nove persoas e mais outras dúas suplentes.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/11/2019