Aprazan por un caso de covid o xuízo contra catro policías en Ourense
O macroxuízo que debía comezar este luns na Audiencia Provincial de Ourense pola operación Zamburiña contra o tráfico de drogas na cidade das Brugas tivo que ser aprazado debido a un caso de covid-19 dun dos acusados.
Os responsables da Audiencia decidiron que o xuízo dará inicio o próximo luns coas cuestións previstas e habilitouse toda a semana para a celebración da vista oral, incluso o venres se fose necesario.
No banco dos acusados van sentar nove presuntos traficantes e catro polícias nacionais acusados de colaborar con eles.
Está previsto que sexa unha das vistas máis longas e con máis acusados das que se realicen nos últimos anos en Ourense. A Fiscalía pide para os 13 acusados penas que suman 100 anos de cadea por delitos contra a saúde pública, tenza ilícita de armas, revelación de segredo ou omisión do deber de perseguir delitos.
Os catro polícias enfróntanse a condenas que van desdes os sete anos e nove meses de prisión ata unha multa de 5.400 euros. Ademais, poderían ser inhabilitados.
A investigación comezaba en novembro de 2014 coa morte en comisaría dun axente. Xunto ao seu cadáver aparecían seis armas que foran roubadas do depósito da comisaría de Ourense.
A defensa aprecia "unha chea de irregularidades" na causa
A defensa dun dos axentes procesados avanzou que pedirá "a nulidade" de toda a causa, tras apreciar "unha chea de irregularidades pero a niveis verdadeiramente sorpresivos como non vin na miña vida", dixo.
Así o indicou Beatriz Seijo, letrada do exinspector da unidade antidroga Antonio R.F., antes do comezo do xuízo. En declaracións realizadas aos medios, esta avogada trasladou o seu "desexo" de que se celebre este procedemento cinco anos despois do inicio desta investigación e con "todas as esperanzas de que salga ben". "Levamos desde 2014 nesta situación de incertidume e iso non é bo para ninguén", indicou.
Nun avance á formulación que trasladará nas cuestións previas, esta defensa avanzou que solicitará a suspensión da causa "porque se entende que hai unha serie de procedementos que teñen que resolverse antes que este" xunto coa "nulidade das intervencións telefónicas".