Xubílase a coruñesa con máis anos cotizados á seguridade social de toda España, 64
A muller que máis anos cotizou á Seguridade Social en España é galega e vive na Coruña. Hai tres anos recibiu a medalla de prata ao mérito ao traballo. Agora con 78 anos, 64 deles cotizados, di que se retira.
No exterior no escaparate anúnciase o inminente peche por xubilación, pero no interior Dolores segue a atender as súas clientas coa mesma dedicación de sempre. Despois de toda unha vida traballando e 64 anos cotizados á Seguridade Social aínda lembra o seu primeiro contrato que asinou con 14 anos.
Aos seus 78 anos Dolores ostenta o título da muller que máis anos cotizou á Seguridade Social en España que lle foi recoñecido coa Medalla de prata ao mérito ao traballo, concedida polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social.
Goza co seu traballo e recoñece que o vai botar en falta. Aínda non sabe que día botará a chave definitivamente, pero mentres tanto segue a recibir co seu sorriso a todo aquel que entra na súa tenda.