CRTVG

Buscar

Mozos agrogandeiros de Francia, Irlanda e Letonia visitan explotacións galegas

Publicado o 20/06/2019 13:08

O intercambio de experiencias para garantir a remuda xeracional no campo e que máis mulleres participen na xestión das cooperativas é polo que visitan Galicia un grupo de mozas e mozos que traballan no sector noutros países da Unión Europea.

"Se non menten, que creo que non. Están moi contentos de ver como traballamos en Galicia na actividade agraria. Eles son gandeiros de leite, de carne, e teñen explotación cerealísticas e tamén vencelladas coa produción avícola. Pedíronnos que lles mostraramos todas as ramas de actividade que temos aquí, por iso estamos a ver algo de todo; viño, gandería de leite, horta... un pouquiño de todo para ver como traballamos. Porque, nos seus países pode que a actividade agraria se faga doutra maneira e así intercambiamos coñecemento entre paises", di Ruth Rodríguez Ferreiros. técnica de Agaca e coordinadora do proxecto LeadFarm. 

Como mostra, explicáronlles a función relevante que ten a cooperativa de Rodeiro; conta cun parque de maquinaria amplo e diverso que cobre practicamente todos os traballos dos socios, desde a preparación da terra ata a distribución de alimento polas granxas. En catro anos levan investido en máquinas máis de tres millóns de euros.

José Luis Camiñas Váquez, presidente da cooperativa o Rodo di que é "un servizo necesarios nas explotacións, falta moita man de obra no campo e cada ano os socios tiran máis das maquinaria da cooperativa".

Tamén xestionan unha gasolineira, para autofornecemento e como negocio coa venda ao público. A estación de Rodeiro ten o mellor prezo en gasóleo A da provincia de Pontevedra e unha das tarifas de gasolina máis barata de Galicia.

Jesús é socio coa súa granxa de vacas. En total ten 240, case a metade para leite. O gandeiro, da explotación A Casa do Rei,  ten 39 anos de idade e cre que neste eido a remuda xeracional é incerta.

"Aquí a xente nova optou máis polas granxas de produción intensiva, porque che deixan unha liberdade que non tes que traballar os 365 días do ano, nin tes que facer o ordeño á mañá e á noite, danlles máis liberdade".

A cooperativa do Rodo fórmana 360 socios, a maioría deles con explotación leiteira.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/06/2019