CRTVG

Buscar

Xosé Rama Caamaño: "Nin PSOE nin Podemos están entendendo que significa isto da coalición"

Publicado o 26/07/2019 10:22

Para intentar buscar o porqué da situación provocada pola investidura frustrada de Pedro Sánchez, Xosé Rama Caamaño pasou polo estudio do Bos días. El é investigador e profesor do departamento de Ciencia Política na Autónoma de Madrid e, recentemente, foi galardoado co premio da Asociación Española de Ciencia Política ao mellor artigo en lingua estranxeira no 2019.

Para este politólogo, agora o que toca "é que en setembro o rei terá que reunirse cos líderes de cada un dos partidos, e despois saber se é posible unha nova investidura e se ademais esa investidura pode ser frutífera".

"O máis normal é que o rei volva propoñer a Pedro Sánchez. Entendo que o que pasou ata o de agora é que Podemos conseguiu forzar a máquina e conseguiu varios logros: pasou dun Goberno que ía ser de colaboración a ser de coalición, conseguiu que duns poucos ministerios pasasen a ser bastantes máis, incluso que se falase dunha vicepresidencia. Así, pode ser que antes de ir a outras eleccións se siga por este camiño e se consiga un goberno que integre a Podemos", di Xosé Rama.

Pero tamén hai a posibilidade de que ese acordo non chegue, e "se imos a eleccións de novo ábrese un escenario incerto, porque nunha campaña electoral actívanse moitos temas. A bote pronto, parece que o Partido Popular se recupere e que Ciudadanos sexa prexudicados porque pode haber transferencias de votos ao PP. O PSOE e Podemos xogan moito, porque hai que recordar que estes resultados, especialmente os do PSOE, veñen motivados por unha participación electoral altísima, e é moi pouco probable que se volva repetir", asegura.

Ao pararse a analizar a situación actual, di que "o escenario en que estamos vivindo é insólito se o comparamos cos países da nosa contorna. É insólito que o PSOE teña como socio preferencial a Podemos. É algo que non pasa noutros países, onde os partidos socialdemócratas adoitan coaligarse con partidos liberais".

Rama Caamaño pensa que hai a posibilidade de que "os partidos de dereitas, o PP ou Ciudadanos, opten por absterse ou facilitar unha investidura do PSOE. Agora, que o PP chegue a apoiar é pouco probable".

En canto ao debate constante sobre falta de cultura de pactos en España, este investigador nega que sexa desa forma: "Eu penso que non podemos faler de que non haxa unha cultura de pactos, porque a todos os niveis, municipal ou autonómico, está á orde do día. Son os mesmos partidos, coas salvidades que poida haber en cada lugar, que chegan a acordos". Por iso, encadra a situación en que nos atopamos noutro ámbito: "Pode ser que haxa cuestións persoais, unha falta de entendemento entre actores políticos, pero non falta de cultura de pactos".

Xosé Rama Caamaño é crítico coa maneira en que PSOE e Unidas Podemos abordaron as negociacións: "Creo que hai unha completa falta de entendemento do que son os gobernos de coalición, porque non son que un partido ocupe dunha carteiras e non renda contas ao primeiro ministro, senón que é unha integración das dúas forzas, cun Consello de Ministros en que hai que chegar a acordos entre as dúas forzas. Creo que nin PSOE nin Podemos o están entendendo".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí