CRTVG

Buscar

Telexornal Serán

Xosé Neira Vilas presenta 'Semente galega en América'

Publicado o 09/07/2015 21:44

É un catálogo de cen galegos que deixaron rastro ao outro lado do Atlántico

Xosé Neira Vilas ten novo libro. Chámase Semente galega en América e é un catálogo de cen galegos que deixaron rastro ao outro lado do Atlántico, galegos que coas súas creacións e investigacións fixeron medrar Suramérica. Neira Vilas, que nos contou que xa está rematando a súa nova novela, segue en forma niso de ser aos 87 anos un "xornaleiro das letras".

Segue escribindo aos 87 anos porque escribe en galego.

"Iso sempre. Se escribise en castelán, teríao deixado hai moito. Porque eu escribo para contar cousas e tamén para facer idioma", di Xosé neira Vilas

Acaba de presentar Semente galega en América, unha suma de pequenas fichas biográficas coas andanzas de galegos que en América, onde viviu máis de 40 anos, deixaron alto o status de galego.

"Houbo un galego, por exemplo, que se dedicou a adestrar abellas e venceu un exército. Isto despois copiárono no Vietnam, e agora, nos Estados Unidos de América", di o autor de Memorias dun neno labrego. 

E hoxe, hai diferenza entre o galego en Galicia o un galego en América?

"Hai un matiz. O idioma para nós alá era máis aínda que unha cédula de identidade. Pero os que aprenden galego hoxe en América apréndeno con fervor, como se estivesen aprendendo inglés", di Neira Vilas

Xosé está rematando unha novela. Di que é fragmentaria, con pequenos trazos sobre o rural galego, sobre as meigas, os aparecidos. Algo así, di el, como 'Manhattan Transfer' pero en Galicia en lugar de Nova York. Só lle falta retocala. Verémonos daquela.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Telexornal Serán

09/07/2015