CRTVG

Buscar

Xosé Crespo: "Habería que baleirar de contido as deputacións provinciais"

Publicado o 30/11/2020 11:11

• O alcalde de Lalín aposta por un pacto de Estado para impoñer a fusión dos concellos

O alcalde de Lalín, o popular Xosé Crespo, compareceu recentemente na Comisión de Reactivación Económica do Parlamento de Galicia, onde apostou por unha fusión de concellos que responda a un pacto de Estado e veña "de arriba a abaixo".

"A fusión, para que funcione, ten que vir de arriba a abaixo e non ao revés; se é voluntaria tardarase séculos en facelo, así que habería que chegar a un pacto de estado como sucedeu noutros países, como o Reino Unido, Alemaña ou Dinamarca.

Crespo entende que "313 concellos non é unha cifra axeitada ao século XXI", e puntualiza que o alto número de municipios "non é un problema de Galicia só, senón un problema endémico de España: a provincia de Burgos ten ela soa case tantos concellos como toda Galicia".

O que fora presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias defende esa fusión porque "significaría eficiencia, eficacia e prestar servizos de calidade con menos cartos", un argumento que apoia nun estudo realizado en 2002 coa Universidade de Santiago, que, insiste, amosaba "todo vantaxes menos a parte política, porque a un bo número de alcaldes non lles parecía ben".

Só dúas fusións en Galicia

Preguntado pola reforma local aprobada polo Goberno central en 2013, da man do ministro Montoro, e que en Galicia só se traduciu na fusión de Oza-Cesuras e Cerdedo-Cotobade, Crespo insiste en que o carácter voluntario das fusións é o que impide que sexan máis. Remítese de novo a un "pacto de Estado entre os grandes partidos para cambiar a planta municipal, e ten que vir de arriba a abaixo".

"Unha vez fusionados e con concellos máis fortes que poidan prestar servizos en mellores condicións, haberá que estudar tamén a reestruturación das deputacións", engade.

Crespo, que foi vicepresidente da Deputación de Pontevedra, entende que os organismos provinciais "son organismos anacrónicos que hoxe case non deberían existir, pero que existen porque cando se crearon non había estado das autonomías, e creáronse para que os fondos estatais capilarizasen os concellos de cada provincia". Hoxe, segundo explica, "dos recursos do Estado que chegan ás deputacións van aos concellos menos do 40 por cento do total, por tanto non están sendo eficientes as deputacións".

Neste aspecto, o rexedor de Lalín é categórico: "O que propoño é que as deputacións se reestruturen para que funcionen como un 'consello de alcaldes', pero que as competencias pasen na súa maior parte aos concellos, baleiralas de contido e deixalas como coordinadoras de concellos e como centros provinciais de asesoramento municipal".

Competencias e recursos

Segundo esa proposta, "hai competencias que teñen as deputacións que poderiamos asumir directamente os concellos, sempre e cando nos dean os recursos suficientes", porque outramente serían "competencias envelenadas que non arregran, máis ben agravan a situación".

Con todo, matiza: "Non falo de supresión das deputacións, falo dunha reestruturación das súas funcións para que presten servizos supramunicipais, pero infinitamente menos dos que están dando porque agora mesmo tal e como funciona o sistema hai un montón de duplicidades que habería que amañar dunha vez por todas". Di que unha eliminación suporía modificar a Constitución e ralentizaría a reforma.

"Minifundismo xenético e político"

Crespo defende que o momento actual "sen dúbida é o mellor dos momentos para facer reformas administrativas de calado" como a que propón, porque "cando hai crise hai menos recursos e hai que facer máis con menos; iso faise optimizando o que temos". Para iso pide "vontade política", aínda que puntualiza que "en Galicia temos un problema, que somos moi individualistas, gústanos a nosa leira, e ese minifundismo xenético extrapólase á parte política".

Por último, entende que con esa reforma administrativa "en España e en Galicia sobramos moitos políticos". Asegura que "se pode facer o mesmo con moita menos xente, e sen dúbida faríamoslle un favor á xente, sobre todo contribuiriamos a predicar co exemplo".

Noticias web

30/11/2020