CRTVG

Buscar

Xornada para concienciar sobre a necesidade de controlar o colesterol, unha das principais causas das doenzas do corazón

Publicado o 19/06/2019 16:19

Moi concorrido estaba a media mañá o vestíbulo do Hospital Clínico de Santiago. Unha ringleira de xente agardaba para medir o seu nivel de colesterol. E é que "a enfermidade cardiovascular é primeira causa de morte e invalidez aquí ,e e o colesterol é un dos seus principais determinantes, para ter un infarto é probablemente o principal determinante", segundo asegura José Ramón González Juanatey, xefe de Cardioloxía do CHUS. 

Reducir o colesterol está nas nosas mans, e para mostra o exemplo de David. Fumaba, bebía, inxería graxas en abundancia e levaba unha vida totalmente sedentaria. Hai tres anos, cando tiña 41, sufriu un infarto. "Pesaba cento e pico quilos, agora 80, fago deporte todos os días, camiño dúas horas e ando en bicicleta as fins de semana".

Exercicio e dieta saudable son a fórmula, e para iso os especialistas demandan medidas no ámbito educativo pero tamén unha lexislación moito máis restritiva para a industria alimentaria en canto a graxas trans e azucres.

González Juanatey lamenta que "iogures que se venden como cero teñen ata 18 gramos de azucre... ti cres que unha lata de refresco que se vende nas máquinas de aguí ten ata 35 gramos de azucre que case triplica a recomendación de azucre engadido para un neno menor de 12 anos?".

Como xesto de concienciación, o hospital dispensoulles hoxe aos pacientes ingresados un exemplo de almorzo saudable: froita fresca, pan con aceite e tomate e lácteos.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/06/2019