CRTVG

Buscar

Máis de tres mil hectáreas calcinadas polo lume nunha fin de semana negra en Ourense

Publicado o 14/09/2020 08:22

• O incendio de maior extensión é o de Lobios, con mil hectáreas calcinadas

A situación mellora en Cualedro

Falamos coa alcaldesa de Rairiz de Veiga, que mantén a opinión da intencionalidade dos lumes

O lume avanzou tan rápido en Cualedro que as primeiras cincuenta hectáreas arderon nunha hora. E á medianoite, a estimación ofical era xa de 550. O alcalde recomendoulles aos veciños quedaren dentro das casas pola gran cantidade de fume que había. Pero houbo algúns que tiveron que saír das súas vivendas, coma os do barrio alto de Cualedro.

A Xunta activou a situación dúas, pola proximidade do lume á poboación, en dous incendios: este de Cualedro, que afectou a vivendas en Carzoá, e tamén o de Rairiz de Veiga, polo perigo para o núcleo de Guillamil, onde a desactivaron de madrugada.

A unidade militar de emerxencias foi despregada nestes dous concellos e mais en Lobios, onde o lume afecta ao parque natural da Serra do Xurés. Este incendio é o máis grande polo de agora, estímase en mil hectáreas queimadas ata medianoite.

As brigadas de extinción tiveron grandes dificultades tanto pola virulencia das lapas como pola proximidade ás vivendas e a dificultade de acceso ás zonas que arden. Na administración destacaron especialmente o esforzo en medios aéreos. Pero tamén os veciños se afanaron en defender o terreo das lapas en varios concellos. Outros grandes incendios: 600 hectáreas ardidas en Vilariño de Conso, 500 hectáreas en Vilar de Barrio, que comezaron en Rebordechau. Lume baixo a sospeita de ser intencionado.

Quedan aínda outros grandes incendios en Laza, en Chandrexa de Queixa, na Gudiña. A situación mellorou nalgúns puntos da provincia durante a noite, como ocorreu en Maceda, onde cara á unha da madrugada se deron por estabilizados os dous que comezaron a un tempo. Máis de tres mil hectáreas arderon en Galicia esta fin de semana.