Xornada de visibilización feminina no Día Internacional da Muller na Ciencia
11 de febreiro, Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia. Unha xornada para visibilizar o papel feminino na investigación e nos logros científicos porque darlles visibilidade é, precisamente, unha das materias pendentes.
Hai anos que as administracións públicas desenvolven medidas para fomentar a incorporación das nenas e das mulleres a carreiras científicas. Os resultados son aínda discretos, segundo datos que deu a coñecer hoxe o Ministerio de Ciencia. A porcentaxe de mulleres no conxunto do persoal investigador en España está estancado no 39 por cento e esa proporción baixa drasticamente se nos referimos a postos de responsabilidade.
A fenda de xénero comeza a acentuarse a partir do ensino secundario e non deixa de medrar, cunha etapa crítica cando moitas mulleres deciden ser nais.
A visibilización de referentes femininos que poidan servir de modelo para as nenas, xunto con máis recursos destinados á investigación, son outras medidas que demandan as que conseguiron romper ese teito de cristal.