Xornada de transición na montaña luguesa, sen neve pero con fortes xeadas
Imos comprobar como está Galicia arestora, despois do temporal de neve das últimas horas, e as xeadas tan intensas que houbo esta noite. Boa parte do país estivo baixo cero.
Xornada de transición na montaña luguesa. Non nevou, pero si xeou con intensidade. A Fonsagrada e Pedrafita rexistraron cinco graos e sete graos baixo cero, respectivamente. Debido á presenza de placas de xeo, cómpre circular con precaución nas estradas secundarias. A isto hai que engadir os centos de árbores caídas en toda a rede viaria.
Como resultado das dificultades para circular polas estradas, preto de 2.000 usuarios do transporte escolar non puideron acudir ás aulas en toda a provincia de Lugo, a maioría nas zonas de montaña. Están afectados 36 centros de ensino, como este colexio da Fonsagrada, ao que faltaron 80 dos seus 88 alumnos. Agárdase que as chuvias previstas para esta noite axuden a mellorar a situación nas pistas rurais.
No resto da provincia
Lugo amencía hoxe literalmente conxelado. Na capital, os veciños comezaban esta xornada afrontando temperaturas baixo cero, -1 na cidade e ata -7 en Pedrafita, a temperatura máis baixa de toda a provincia. Isto era o que marcaban os termómetros, pero a sensación térmica era moi inferior. A mesma imaxe da capital repítese en moitas vilas da provincia, isto é Guitiriz.
Día moi frío cun protagonista moi perigoso nas estradas, o xeo. As máquinas quitaneves levan toda a mañá traballando arreo esparexendo sal polas principais vías que comunican a provincia.
En todo momento estas estradas estiveron transitables, pero a DXT recomendaba desprazarse con moita precaución. A primeira hora a circulación estivo condicionada en preto dunha vintena de estradas da rede secundaria.
Máis agudizado en todo o interior da provincia, pero tamén houbo complicacións nas vías de acceso á Mariña luguesa. Como é o caso da principal vía de conexión coa costa e o resto do Cantábrico, na A-8, no alto do Fiouco, ao seu paso por Mondoñedo, houbo momentos de circulación difícil.
Pero o frío polar vaise retirando ata a próxima semana que podería traer novos temporais de vento e chuvia.