CRTVG

Buscar

Xornada de transición antes dunha nova borrasca

Publicado o 15/01/2020 14:08

A de hoxe é unha xornada de respiro, despois da borrasca que atravesou Galicia con vento e chuvia, sobre todo durante a pasada madrugada. Non chove, hai intervalos de sol e nubes e a temperatura é bastante suave. Case un espellismo, porque tras esta transición volve unha nova fronte. Así que o xoves será un día de pleno inverno, segundo indica, desde Meteogalicia, Alberto Romero. O meteorólogo explica que vén unha borrasca procedente do sur de Inglaterra que deixará chuvia e vento forte de compoñente sur durante a madrugada que acadará os cen quilómetros por hora en moitas zonas de Galicia.

Esa fronte activa trae, co vento, moita humidade, polo que se agarda tamén chuvia intensa, sobre todo na provincia da Coruña e no norte de Lugo. Ademais, a situación será moi complicada no mar, con vento que poderá chegar a forza nove e ondas de altura superior aos 5 metros. Un panorama moi parecido ao que deixou a borrasca Brendan. Houbo refachos de vento de máis de 130 quilómetros por hora en Viveiro no Penedo do Galo, os 110 en Punta Candieira en Cedeira e os 120 en Vimianzo. Mesmo no interior, en Cabeza de Manzaneda, superáronse os 100 km/h.

No mar rexistráronse ondas de ata oito metros de altura no Cabo Vilán. As precipitacións desta noite pasada chegaron aos 20 litros por metro cadrado en practicamente calquera lugar de Galicia, con marcas de 40 litros en concellos do interior de Pontevedra, como Forcarei. O venres de novo haberá unha lixeira mellora, e tras unha fin de semana pasada por auga as previsións apuntan ao dominio do anticiclón.

Noticias web

15/01/2020