CRTVG

Buscar

A loxística electoral, pendente da seguridade en Cataluña

Publicado o 09/11/2019 22:58

A loxística está preparada para a que será a terceira cita electoral nun só ano. Esta xornada de sábado comexaba cunha xuntanza na Moncloa do comité de seguimento da situación en Cataluña, que estivo encabezada polo presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, acompañado pola vicepresidenta, Carmen Calvo, e o ministro de Interior, Grande-Marlaska. Cataluña está no centro das miradas e témese que se poida converter nun factor distorsionador da normalidade electoral.

Posteriormente, Grande-Marlaska realizaba un percorrido polo Centro de Difusión no IFEMA de Madrid, onde se vai levar a cabo o seguimento da xornada de votacións. Nesta ocasión, as medidas de seguridade serán excepcionais, con 93.000 axentes despregados en todo o Estado entre as distintas policías e a Garda Civil. "O reforzo de seguridade en cada comunidade autónoma é o necesario e preciso para que mañá se poida desenvolver o proceso electoral con toda a seguridade", sinalou o titular de Interior,

Ao longo da xornada de mañá produciranse catro comparecencias informativas desde o Centro de Difusión. A primeira, ás 10 e media da mañá para dar conta das posibles incidencias na apertura dos colexios electorais. Ás dúas e media da tarde ofreceranse as cifras de participación nas urnas ata media hora antes. O mesmo sucederá ás seis e media da tarde. A partir das dez e media da noite comparecerán os ministros Isabel Celáa e Grande-Marlaska para dar xa conta dos resultados electorais.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/11/2019