Xornada de portas abertas na Feira do Moble da Estrada
A Estrada, desde hoxe e ata o domingo, sinónimo de moda en mobiliario, decoración e complementos. É un dos clásicos de setembro, un espazo tanto para curiosos, amantes da decoración ou aqueles que queren facer da súa casa un fogar. Máis de 60 empresas téndennos a man.
César Barbosa, de Mobles Artest da Estrada, conta que fan mobles artesáns e únicos. Diferentes estilos para diferentes espazos. Diferentes son tamén a procedencia das empresas: portuguesas, galegas, do resto do Estado e, desta volta, só catro locais. Prezos diferentes que buscan cubrir demandas diferentes. E é que nin todos buscan o mesmo nin o mesmo é igual para todos. Na Estrada o cliente entra en contacto co vendedor, en moitas ocasións, tamén co fabricante.
Diego Míguez, de Piscinas Míguez, di que na feira se fan contactos para vender as súas piscinas e que a venda depende do mercado. E para animar o ambiente e convidar a que todo o mundo visite a feira a entrada inclúe diversos premios: estancias de turismo rural, ceas, vales de compra e, como non, o mobiliario para un apartamento.
Na Estrada, case no centro do país, está o último en mobles e pode estar tamén a sorte.