Xornada de mobilizacións en Venezuela ante os cuarteis militares
Juan Guaidó convocou para este sábado unha nova mobilización nas rúas de Venezuela. O presidente da Asemblea Nacional instou os seus seguidores a manifestarse diante dos cuarteis para intentar atraer o exército ao proceso de transición democrática.
Mentres, o fiscal xeral venezolano pediu deter 18 civís e militares pola súa presunta implicación no levantamento contra o Goberno de Maduro.
Juan Guaidó chamou os venezolanos a manifestarse pacificamente diante dos cuarteis para convencer os militares de que se sumen ao proceso de transición democrática.
Nas últimas horas, o presidente da Asemblea Nacional confirmaba contactos coa cúpula militar do país e volvía apelar ao exército para que desobedeza a Nicolás Maduro.
"Se atopa un piquete, non é para confrontar, é para entregarlle a mensaxe, e comunicar aos nosos militares que queremos sumalo"
Pola súa banda, o fiscal xeral de Venezuela, Tarek Saab, pediu deter 18 civís e militares pola súa presunta implicación no levantamento contra o goberno...
E mentres, a diplomacia móvese para buscar unha saída pacífica a esta crise.
O Grupo de Lima reiterou o seu apoio a Guaidó e pediu aos países que apoian a Maduro que favorezan a transición democrática.
"Reiteran a súa chamada a Rusia, Turquía e a todos os que aínda apoian o réxime ilexítimo de Maduro a favorecer o proceso de transición democrática"
Mañá está previsto que se reúnan o ministro de Asuntos Exteriores de Rusia e o seu homólogo venezolano.
Desde a UE lembran ao réxime de Maduro que debe respectar a inmunidade diplomática da embaixada española onde se refuxia Leopoldo López. O Goberno español aseguraba onte que protexerá o líder opositor, pero limitará alí a súa actividade política.