CRTVG

Buscar

Xornada de loito e dó

Publicado o 26/01/2019 21:25

Xornada de loito e dó nas rúas de Totalán, no barrio de El Palo e en toda Málaga. Minutos de silencio que se repiten en distintas cidades andaluzas para recordar a Julen despois de 13 días de angustia que foron tamén mostra de esforzo, solidariedade e cooperación de moita xente anónima.

Nas caras dos voluntarios que hoxe se unían ás concentracións podía verse a tristura de non ser quen de atopalo con vida, aínda que os últimos traballos desta madrugada permitisen o alivio de recuperar o corpo do cativo.

Francisco de la Torre, alcalde de Málaga: "Foi un exemplo de solidariedade inmensa, colectiva, global. E tamén de solidariedade do pobo de España e doutros países. O final foi triste. Era moi difícil que unha caída de 70 metros puidera ter unha saída distinta á que tivo, pero sempre había unha esperanza."

Tamén os membros do goberno andaluz gardaron un minuto de silencio ás portas do concello de Antequera antes do inicio da reunión do novo Consello de Goberno.
"Eu vou esta noite estar un anaquiño alí, no tanatorio, pero que lle vou dicir? Non hai palabras" di unha veciña.

En Totalán, onde o concello decretou tres día de loito, están suspedidas todas as actividades lúdicas como mostra de solidariedade e afecto á familia de Julen. Desde primeira hora os veciños acompañaron os pais do cativo no tanatorio a onde chegarán os restos cando remate a autopsia.

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/01/2019