CRTVG

Buscar

Xornada de folga na Atención Primaria de Galicia para pedir máis recursos

Publicado o 19/06/2019 20:45

Os profesionais dos centros de saúde foron á folga esta xornada para pedir máis tempo de consulta, máis recursos humanos e máis presuposto. Desde o Sergas recordan que xa tomaron medidas como a convocatoria dunha OPE de 500 prazas para Atención Primaria e o aumento de número de prazas para formar médicos de familia e pediatras.

A xornada de folga dos profesionais da Atención Primaria completouse cunha manifestación en Santiago. Convocados pola Asemblea de Áreas Sanitarias de Galicia, os traballadores dos centros de saúde reclaman a eliminación da organización administrativa en áreas sanitarias, máis tempo para atender os pacientes, máis recursos humanos, máis presuposto e, para empezar, un cambio de actitude.

Carlos Eirea, voceiro Asemblea de Áreas Sanitarias de Galicia: "Un cambio de actitude sería dicir realmente estamos achegando un 11 ou 12 por cento do presuposto total para a Atención Primaria pero para o ano imos incrementalo un 5 por cento, para o seguinte outro cinco por cento e imos intentar acadar o que recomenta a OMS que é un 25 por cento. Con isto quedariamos tranquilos, pero non estamos vendo iso".

Desde o Sergas cren que esta folga non achega nada. E lembran a posta en marcha da reforma da Atención Primaria e apuntan que xa están funcionando o setenta por cento das medidas acordadas cos sindicatos, colexios profesionais e sociedades científicas, entre outros, iniciativas recollidas no Plan galego de Atención Primaria 2019-2021.

Antonio Fernández-Campa, xerente do Sergas: "O incremento de prazas no ámbito específico de Atención Primaria, a convocatoria dunha OPE de máis de cincocentas prazas especificamente de Primaria, conseguir que o ministerio nos aumentara o número de prazas para formar máis médicos de familia e máis pediatras".

Os convocantes da folga cifran o seguimento do paro no cincuenta por cento de media e de máis do noventa por cento na área sanitaria de Vigo.

Desde o Sergas calculan que o seguimento medio foi dun 21 por cento sendo Vigo a área sanitaria con máis incidencia da protesta con case o 35 por cento.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/06/2019