CRTVG

Buscar

Emoción nas residencias de maiores tras autorizar a visita de familiares

Publicado o 28/05/2020 11:01

Estamos nunha semana de reencontros familiares pola volta das visitas ás residencias.
Montse reencóntrase en persoa con súa nai, Sofía, despois de once semanas longas tendo que conformarse coa telecomunicación.

Nos instantes previos a este momento, a filla amosábase tranquila e aseguraba sentirse ben, porque sempre tivo a confianza de que Sofía estaba ben coidada. Coma na inmensa maioría destes reencontros, botou de menos abrazala e bicala.

Montse Varela Rozas: "Todas as semanas tiven videochamada con ela, e moi ben, e eu contenta de que ela estivera ben. A ver, non é o mesmo que vela e poder abrazala e darlle bicos, pero hai cousas que son primordiais ante a preservación da saúde deles, e penso que tamén son afortunados porque outras persoas tampouco tiveron esa oportunidade".

Esta residencia compostelá, xestionada pola Xunta de Galicia, non rexistrou nin un só contaxio de coronavirus. A esa satisfacción, persoal e residentes engaden desde esta semana as emocións nos reencontros cos familiares.

A directora da Residencia Asistida de Maiores Volta do Castro, Pilar Herrero Riaño: "Estamos todos moi ilusionados. Eles tamén, eh. A pesar de que hai residentes que teñen unha deterioración cognitiva que non lles permite contemplar a realidade como a calquera de nós que neuroloxicamente estamos ben, son moi sensibles aos cambios de rutina, a recibir voces que hai tempo que non oen, próximas, pois estivemos facendo videochamadas, nas que tiveron uns estímulos moi, moi emotivos".

Para algunhas das persoas residentes a reapertura das visitas non vai supoñer novidade ningunha respecto ao tempo anterior á reclusión. Antes, durante e despois do confinamento iso de compartir cariño para eles seguirá sendo posible grazas á atención das profesionais que as coidan.

E así, mentres, escenas coma estas son as que marcan as emocións para quen desexaba e pode volver á residencia a compartir un tempo co seu familiar.

Noticias web

28/05/2020