CRTVG

Buscar

Galicia Noticias Mediodía

Xornada de educación viaria en Celanova para formar os futuros condutores e peóns

Publicado o 27/09/2017 14:21

Para previr accidentes de tráfico e infraccións como peóns e como condutores futuros, é importante que os nenos coñezan denden ben pequenos as normas de circulación. E por iso o alumnado do colexio público de Celanova recibiu hoxe unha clase de educación viaria. Unha chea de mestres, e do máis variado: había axentes da Policía Local, dos bombeiros e ata unha vítima dun accidente de tráfico. Enfronte, o auditorio: cativos e cativas que comprobaron que a estrada non é un xogo.

Cos seus vehículos, motos de xoguete ou patinetes, os alumnos de infantil e primaria do colexio Curros Enríquez de Celanova aprenden e practican o xeito de comportarse como condutores e tamén como peóns. Neste parque infantil de tráfico seguen as instrucións e recomendacións que lles deron os membros da Policía Local e os bombeiros da mancomunidade de Celanova.

Nunha charla cunha vítima dun accidente de tráfico puideron coñecer de primeira man a importancia de respectar as normas. Usar o cinto e os sistemas de retención infantil no coche salva vidas.

Dun xeito lúdico aprenden a recoñecer algúns sinais e medidas de seguridade.

A educación viaria axuda a previr accidentes, pero ademais os pequenos puideron achegarse ao traballo dos corpos de seguridade e os bombeiros e coñecer os seus vehículos. Toda unha experiencia para eles que lles servirá para ser uns bos condutures no futuro.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí