CRTVG

Buscar

Xornada de disturbios en Palestina e protestas contra a decisión de Trump

Publicado o 07/12/2017 21:18

A decisión de Donald Trump de recoñecer Xerusalén como a capital de Israel ameaza con provocar unha escalada de violencia en Oriente Próximo. Hamás chamou os palestinos a unha nova intifada. De feito prodúcironse os primeiros disturbios en Palestina. Ademais, o exército israelí atacou dos bases militares en Gaza, despois de que lanzaran dende A Faixa varios proxectís cara a Israel.

A xornada comezaba con relativa calma en forma de folga, cos comercios pechados nos territorios ocupados. Israel reforzara as medidas de seguridade en Cisxordania en previsión dun aumento da violencia. O líder de Hamás chamou a iniciar este venres unha nova intifada. 

Pero xa co paso das horas producíronse os primeiros enfrontamentos en varias cidades de Cisxordania, Gaza e tamén no leste de Xerusalén. Os manifestantes lanzaron rochas e cócteles molotov contra os soldados israelís, que responderon con gases lacrimóxenos e canóns de auga. Segundo fontes médicas, entre as ducias de feridos, hai palestinos con feridas por fogo real. 
Tamén houbo protestas noutros países como Paquistán, Exipto ou Xordania, onde protestaron fronte á embaixada estadounidense entre fortes medias de seguridade. Precisamente neste país o líder palestino recoñecía que non só o mundo árabe está en contra, senón tamén países próximos a Washington.

"É unha decision inaceptable, coa que os Estados Unidos perde a súa condición de mediador na rexión", dixo Mahmud Abás. A xefe da diplomacia europea recollía esa luva e salientou que a UE está disposta a tomar a iniciativa na solución dos dous estados. "É a vontade do pobo estadounidense", xustifica o secretario de Estado norteamericano. O primeiro ministro israelí aseguraba que outros países seguirán os pasos dos Estados Unidos e levarán as súas embaixadas a Xerusalén.  

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

07/12/2017