CRTVG

Buscar

'Xogo de tronos', mellor drama nos Emmy, que coroan 'Fleabag' e 'Chernobyl'

Publicado o 23/09/2019 06:35
'Xogo de tronos', mellor drama nos Emmy, que coroan 'Fleabag' e 'Chernobyl'

O elenco de "Xogo de Tronos" recollendo o premio como mellor serie dramática

Catro meses despois de despedirse convertida nun fenómeno histórico da televisión, Xogo de tronos segue facendo historia: chegaba a esta septuaxésima primeira edición dos Emmy co récord de 32 candidaturas e rematou igualando o seu propio récord de premios conseguidos por unha serie nunha edición ó sumar unha ducia, incluído o de mellor drama.

Peter Dinklage recibiu o cuarto galardón como mellor actor de reparto polo seu papel de Tyrion Lannister; o resto foron recoñecementos técnicos e entregáronse hai unha semana. 59 en total en oito temporadas.

Billy Porter fixo historia ó converterse no primeiro afroamericano abertamente homosexual en gañar na categoría de mellor actor de drama polo seu papel en Pose, tamén de HBO, e iso que non era o favorito; como tampouco a era Jodie Comer, recoñecida como mellor actriz de drama polo seu papel en Killing Eve, que se pode ver na mesma canle. O premio á mellor dirección foi para Jason Bateman, por Ozark, de Netflix.

Contra prognóstico, a serie británica Fleabag, que emite Amazon Prime Video, impúxose a A marabillosa señora Maisel, levando os de mellor comedia, dirección e guión de comedia, así como o de mellor actriz do xénero, para a súa protagonista e creadora Phoebe Waller-Bridge, que lle impediu a Julia Louis-Dreyfuss sumar o seu sétimo Emmy polo seu papel en Veep.

Bill Hader conseguiu o seu segundo galardón como mellor actor de comedia polo seu papel en Barry, que tamén creou. Entre as triunfadoras da gala celebrada no Teatro Microsoft dos Ánxeles, Chernobyl, que figuraba en todas as quinielas e que se fixo, entre outros, cos recoñecementos á mellor miniserie, director e guión dunha serie limitada.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí