CRTVG

Buscar

Da abdicación ao descrédito: así foi a súa última etapa

Publicado o 03/08/2020 19:13
Da abdicación ao descrédito: así foi a súa última etapa

A abdicación de Xoán Carlos I en xuño de 2014 puxo o ramo a 39 anos de reinado e marcou un antes e un despois na súa figura, que desembocou primeiro na súa retirada da vida pública hai un ano e, agora, na súa marcha de España tras o descrédito causado polos seus presuntos negocios ocultos en Suíza.

A decisión de abandonar España chega despois de varias semanas de goteo constante de informacións sobre os seus supostos negocios opacos e sucesivas mensaxes do Goberno, co seu presidente, Pedro Sánchez, á cabeza entre os que deixaban entrever a inminencia dun anuncio deste tipo.

Desde a abdicación, o anterior xefe de Estado abandonou a vida pública, ao refuxiarse sobre todo nos seus amigos e en afeccións como a gastronomía, os touros e, en especial, a vela. En varias ocasións gozou do fútbol, no palco do estadio do Real Madrid e do Atlético de Madrid, e do tenis, animando ao seu amigo Rafael Nadal.

Tamén conservou a súa afección pola fórmula 1, aínda que, cando estivo no gran premio de Abu Dhabi en novembro de 2018, o seu saúdo ao príncipe herdeiro saudita, Mohamed bin Salman, envolvido na polémica por entón por ser o sospeitoso de ordenar o asasinato do xornalista do seu país Jamal Khashoggi, volveu traer a polémica á súa vida.

Punto de inflexión

A situación do anterior xefe do Estado tivo un punto de inflexión o pasado 15 de marzo. Ese día Filipe VI anunciou que renunciaba á herdanza do seu pai e que lle retiraba a asignación que, ata entón, recibía dos orzamentos do Estado, case 200.000 euros anuais.

Fíxoo ante as informacións publicadas sobre a investigación da orixe dos 65 millóns de euros ingresados en Suíza na fundación Lucum, radicada en Panamá, para determinar se eran comisións abonadas por Arabia Saudita a don Xoán Carlos pola construción do AVE á Meca.

Problemas coa xustiza

Para facer fronte a estas investigacións, o anterior monarca contratou os servizos do avogado Javier Sánchez-Junco. Case dous anos antes, en xullo de 2018, o xuíz da Audiencia Nacional Diego de Egea citou a declarar ao excomisario José Manuel Villarejo tras coñecerse unhas gravacións dunha conversación mantida en 2015 en Londres en que a que Corinna Larsen, amiga de don Xoán Carlos, desvelaría que este tiña contas en Suíza, onde cobraría esas comisións procedentes de Arabia Saudita e que a utilizou como muller de palla.

Meses despois, a Fiscalía Anticorrupción abriu dilixencias, e en marzo deste ano, tras publicarse declaracións diante do fiscal suízo Yves Bertossa do avogado de Larsen sobre o "agasallo" dos 65 millóns de euros á súa clienta e dos xestores da conta de Lucum, Arturo Fasana e Dante Canónica, enviou unha comisión rogatoria a Suíza para acceder aos datos sobre esa suposta doazón.

O que precipitou a decisión de Filipe VI de renunciar á herdanza do seu pai e de privalo dunha asignación orzamentaria foi que se publicase que aparecía como segundo beneficiario da fundación panameña.

Mentres Corinna Larsen continuou facendo declaracións en que se presentaba como unha vítima e aseguraba que se puxo en contacto con don Xoán Carlos para tentar acabar co que consideraba unha "campaña de abuso" contra ela, o pasado 8 de xuño a Fiscalía do Tribunal Supremo anunciou que asumía a investigación que ata entón dirixía Anticorrupción. Un anuncio debido a que o anterior rei é unha das persoas que poderían estar involucradas no pago de comisións por parte de Arabia Saudita e ten a condición de aforado.

O obxectivo da Fiscalía é delimitar ou descartar a relevancia penal dos feitos ocorridos desde xuño de 2014, xa que foi entón cando perdeu a inviolabilidade que lle recoñecía a Constitución como xefe de Estado. Tras anunciar a súa marcha, o seu avogado comunicou que don Xoán Carlos está á disposición da Fiscalía.

A coroa, a xuízo

A evolución dos acontecementos provocou un novo intento de varios grupos do Congreso, entre eles Unidas Podemos, de crear unha comisión de investigación parlamentaria. Pero os votos de PSOE, PP e Vox volveron impedilo.

O mes de xullo abriu a porta a unha avalancha de noticias sobre os pormenores dos feitos investigados. Así, sucedéronse titulares como que Larsen declarou que os 65 millóns que lle transferiu don Xoán Carlos en sinal de "gratitude" procedían dunha doazón do xa falecido rei Abdalá de Arabia Saudita ou que Canónica afirmou que o pai de Filipe VI lle encargara en Zarzuela "crear unha estrutura" para transferir unha "importante doazón" que ía recibir de Abdalá.

Tamén que o anterior xefe de Estado fixo cuantiosas e periódicas retiradas de efectivo da conta a nome de Lucum por importes que superaban os 100.000 euros ao mes entre 2008 e 2012.

Noticias que foron alimentando declaracións de partidos nacionalistas e doutros como Unidas Podemos, con Pablo Iglesias á cabeza, sobre a inviolabilidade da Coroa e a utilidade da monarquía. Pero tamén levaron ao Goberno para lanzar unha serie de mensaxes que facían presaxiar un anuncio como o feito público este luns.

O xefe do Executivo, Pedro Sánchez, cualificou de "inquietantes e perturbadoras" as informacións que se ían coñecendo, aínda que ao mesmo tempo agradecía a Filipe VI que se distanciase delas.

Houbo declaracións similares doutros membros do Goberno como Carmen Calvo, Juan Carlos Campo, José Luis Ábalos e Nadia Calviño, pero quen apuntou máis claramente a unha actuación en breve por parte de Zarzuela foi a súa voceira. María Jesús Montero afirmou que o Goberno non ía adoptar ningunha decisión e remitiu á Casa Real tras puntualizar que o Executivo celebra as medidas pasadas e "futuras" que Filipe VI puidese impulsar para garantir a exemplaridade na Coroa.

Declaracións similares foron repetíndose nos últimos días tras as novas informacións que incidían na posibilidade de que don Xoán Carlos abandonase a Zarzuela.