CRTVG

Buscar

Telexornal Serán

Éxito dun musical do grupo de teatro do Centro Galego de Pensionados da Arxentina

Publicado o 26/03/2018 23:23

O grupo Papelavos do Centro Galego de Pensionados e Xubilados da Arxentina defende un envellecemento activo a través dun espectáculo de teatro musical en clave galega. A peza sorprende cativos e adultos con instrumentos de papel.

Aquí en Bos Aires hai quen combate a morriña galega tentando sacar un sorriso a quen máis cariño precisa.

Chámanse Papelavos, teñen unha media de 80 anos e fan teatro musical utilizando instrumentos de papel cunha vitalidade envexable.

Estes 12 avós non teñen medo a dala nota en cada un dos seus espectáculos.

Engalanados co seu vistoso uniforme e cuns chamativos instrumentos deseñados por eles mesmos percorren escolas infantís, centros de día ou xeriátricos arxentinos coa única finalidade de, ao igual que os famosos Les Luthiers, sacarlle un bo sorriso ao público.

Alejandra Sangil Frigoli, coordinadora de Papelavos: "A onde nos convidan nós imos, de forma gratuíta, contamos un pouco o que facemos, levamos as nosas cancións e falamos de Galicia".

Son maioritariamente galegos e levan doce anos demostrando que con papel, tixeira e cola a vida pode ser moito mellor.

María Fernández Torres, integrante de Papelavos: "Esa sonrisa que dalgunha maneira conseguimos que teñan, un sae despois moi, pero moi cheo de alegría de ver como ese ratiño que tiveron con nós lles cambiou un anaquiño a vida que teñen".

Un show en clave galega co que os propios Papelavos se sinten cada día máis vitais.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Telexornal Serán

26/03/2018