CRTVG

Buscar

Éxito das sesións divulgativas sobre as perseidas no planetario da Coruña

Publicado o 17/08/2021 14:23

Na Casa das Ciencias da Coruña aproveitan as sesións no planetario para achegar, estes días, unha explicación extra: coñecer as perseidas e a mellor maneira de gozar deste espectáculo astronómico. A iniciativa non podería ter máis éxito.

A covid reduciu a ocupación e xa teñen esgotadas as entradas dos próximos dous días, a maior parte adquiridas por familias, tanto locais como turistas, que veñen cos nenos para coñecer máis sobre o que xa viron estas noites na bóveda celeste.

A finais desta semana xa será máis complicado ver estes meteoros brillantes atravesando o ceo. En cinco días haberá lúa chea e, canta máis luz, máis dificultade para apreciar as bágoas de San Lourenzo. Ata entón, quen queira gozar delas deberá trasnoitar e mirar cara á constelación de Perseo.

A directora da Casa das Ciencias, Bibiana García, dános as claves: "Aínda que se poden ver por toda a bóveda celeste, o certo é que se tirásemos a traxectoria de todas as perseidas veriamos que saen desa constelación que se pode ver a partir da medianoite cara ao norleste, a media altura no ceo, deitados en calquera lugar lonxe da contaminación lumínica, ben abrigados e, sobre todo que estea despexado, que neste verán non tivemos moita sorte, é a mellor forma de velas".

Un bo plan para quen non madrugue, previo paso polo planetario da Coruña.

Noticias web

17/08/2021