Éxito da campaña de venda por Internet do excedente de pataca da Limia
A pataca da Limia, ademais das súas cualidades culinarias, destaca por ter boa conservación. Por iso adoita distribuírse ata finais de xuño á hostalería e ás fábricas de fritura de toda a Península. Pero coa crise do coronavirus paralizouse a actividade nestes sectores e catro millóns e medio de quilos de pataca quedaron nos almacéns sen saída.
Así que Amador Díaz, o presidente da Asociación de Produtores de Pastaca da Limia, ofreceulles aos compañeiros utilizar o seu portal de venda por Internet. Ofertan caixas de 10 e 20 quilos por 12 e 19 euros, enviadas a domicilio a calquera punto da Península nun prazo de 24 ou 48 horas. E a campaña tivo tan boa acolllida que mesmo se viron desbordados nalgún momento, pero xa está solucionado.
Amador Díaz, o presidente da Asociación de Produtores de Pataca da Limia, explica que houbo un problema cunha das axencias, quese saturou pero xa está solucionado. De todas maneiras, se alguén ten algún problema que contacte con eles para facerlle de novo o envío ou devolverlle os cartos.
A actividade é frenética no almacén, onde non paran de recibir e preparar envíos. Xa levan distribuidos por esta canle 250.000 quilos de pataca. A este ritmo e con outras vías de comercialización, poderían liquidar o excedente en 15 ou 20 días. Sería o idóneo para salvar a campaña e centrarse na semente da pataca nova e na próxima colleita. En setembro non desbotan poñer en marcha de novo esta canle de venda despois do éxito da iniciativa.