CRTVG

Buscar

Éxito da campaña contra a proliferación de gaivotas en Viveiro

Publicado o 14/10/2019 20:10

A proliferación das gaivotas patiamarelas convertérase nun problema para os veciños e os hostaleiros de Viveiro. Facían excesivo ruído, devoraban os petiscos das terrazas e dende os lousados onde nidifican adoitaban caer ovos, polos e dexeccións. 

Isabel Méndez, presidenta da Asociación Centro Comercial Histórico de Viveiro: "Cada vez había máis, reproducíanse rapidísimo. Realmente eran un problema tanto para os veciños. Non podías nin estar tranquilamente nunha terraza tomando algo. Poñíanche un petisco ou un biscoito e automaticamente as gaivotas estaban axexando. Era un encordio". "Veñen, tiran todo, rompen copas... Se un neno leva unha lambetada na man, quítanlla".

Para lles poñer freo ás gaivotas, o Concello de Viveiro contratou unha empresa especializada. En tres meses, retiraron máis de medio milleiro de ovos de máis de 350 niños en preto de 600 tellados da vila.

Isabel Méndez, presidenta da Asociación Centro Comercial Histórico de Viveiro: "Xa se foi notando menos encordio nas terrazas, menos ruído... Ao iren a menos, si que se nota que eses problemas que causaban se foron solucionando". "Notouse bastante, que se ven menos".

Dado o éxito da campaña, para o ano vindeiro prevese repetila e mesmo estendela a outra ave que tamén proliferou en exceso, a pomba común.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/10/2019