CRTVG

Buscar

Xinzo de Limia e Cuntis pídenlles aos seus veciños que adianten o toque de queda

Publicado o 18/01/2021 18:45

No caso deste de Cuntis, o concello pídelle á poboación que se recolla ás seis da tarde, ou que, se non poden, a partir desa hora reduzan ao mínimo os seus contactos. En Xinzo de Limia, desde o concello instan os seus veciños a que se metan na casa ás oito como moi tarde. E pídenlle aos comercios que, igual que fai a hostalería, pechen as portas ás seis da tarde. Son recomendacións, porque os concellos non poden poñer o seu propio horario de recollida, nin tampouco sancionar a quen non o cumpra.

Os concellos non teñen competencias para adiantar o toque de queda, nin poden poñer o seu propio horario de recollida. O que fan os de Xinzo de Limia e de Cuntis é unha recomendación, a través dun bando municipal, á súa poboación.

Que se autoconfinen, que saian o xusto, e se metan na casa o antes posible. 

"O que lle pedimos á poboación é que a paritr das seis da tarde interactúen o menos posible", explica Manuel Campos, alcalde de Cuntis.

"Que se saia á rúa o imprescindible, só para aquelas cousas que sexan imprescindibles", salienta Amador Díaz, alcalde en funcións de Xinzo de Limia, 

En Xinzo deixan de marxe ata as oito. Lembran que non poden sancionar a quen non o faga, pero apelan á responsabilidade dos veciños. Tamén piden tamén a complicidade dos comerciantes. Aos que non sexan esenciais, ínstanos a pechar ás seis da tarde, igual que fai a hostalería.

"Pedímosllo de forma voluntaria, porque non temos competencias, pero se poden que pechen ás seis da tarde para interntar parar os contaxios", di o alcalde en funcións de Xinzo. 

Tanto en Xinzo como en Cuntis, estanse facendo cribados masivos para detectar asintomáticos e intentar frear o avance de contaxios, que nos dous casos é preocupante.

Noticias web

18/01/2021