CRTVG

Buscar

Xinzo de Limia desinfecta as rúas con tractores agrícolas

Publicado o 11/04/2020 20:23

Na Limia, os que se encargan da desinfección nas aldeas son os propios agricultores, cos seus tractores. Levan esparexido máis de cen mil litros de lixivia polas rúas e fachadas.

Amador Díaz Penín, tenente alcalde de Xinzo: "Esta é a terceira que se fai. Temos pulverizados os 32 núcleos de poboación do concello e o que é a vila, enteira".

Os agricultores colaboran coas súas máquinas e co seu traballo altruista.

Diego Díaz, agricultor: "Isto é máis livián, pero claro, ao noso estamos afeitos. Aquí tes que te meter por zonas que non sabes o que vas atopar, que non entra o tractor e hai que saír marcha atrás... Bastante complicado".

Na Limia quedan toneladas de patacas sen vender pola paralización do mercado da restauración. Mentras buscan unha saída á súa situación económica, invisten os seus esforzos en darlles seguridade aos veciños coa desinfección porta a porta.

"Paréceme moi ben que anden sulfatando e que estea todo preparado para non coller nada". "Temos que poñer todos da nosa parte para que isto acabe. Está morrendo moita xente e non hai dereito", comentan dúas veciñas.

En Xinzo só consta, ata o momento, un caso positivo ao inicio da pandemia. Confían en que o esforzo colectivo manteña á raia o coronavirus.

Noticias web

11/04/2020