Xibraltar ordena o confinamento total durante dúas semanas
O Goberno de Xibraltar decretou o confinamento xeral da poboación durante 14 días polo preocupante aumento dos contaxios. Tamén se agrava a situación no Campo de Xibraltar. A Xunta de Andalucía decidiu pechar perimetralmente oito concellos e reclámanlle ao Goberno central un cortalumes para evitar que a terceira onda ou a cepa británica entren a través da colonia británica.
A partir desta medianoite os residentes de oito concellos do campo de Xibraltar, Alxeciras,Tarifa e La Línea entre eles, quedan confinados perimetralmente e non poderán desprazarse entre as localidades afectadas. Todos rexistran taxas de incidencia de 316 casos por 100.000 habitantes fronte aos 140 de media en toda Andalucía. Para decretar o peche, o goberno andaluz tivo en conta o nivel de alerta máximo nas UCI e a proliferación de casos relacionados coa cepa británica da covid-19.
Jesús Aguirre, conselleiro andaluz de Saúde: "O hospital Virgen del Rocío confirmounos tamén que temos cepa británica na zona do campo de Xibraltar, é o que fai que teñamos que tomar unha serie de medidas para evitar, e facer de muro de contención de que esta cepa non se estenda dunha forma brusca ao resto da comunidade autónoma andaluza".
O Goberno autonómico propón unha campaña de vacinación en todas as residencias do campo de Xibraltar e cribados á poboación, que xa comezaron este sábado en La Línea e continuarán este domigo en Alxeciras. Ademais, esíxelle ao Goberno de España un maior control no tránsito con Xibraltar.
Elías Bendodo, conselleiro da Presidencia: "Preocupa esta terceira onda que poida chegar e que o faga como consecuencia desta nova cepa proveniente do Reino Unido e que entre por esta porta que é Xibraltar porque non se extremaron os controis por parte do Goberno de España".
Na Rocha as taxas de incidencia superan os 2.000 casos por cada 100.000 habitantes. O Goberno de Fabian Picardo decretou este sábado o confinamento xeral da poboación durante 14 días, tempo en que os xibraltareños só poderán saír das súas casas para traballar, facer compras esenciais ou pasear cos cativos. Picardo anunciou que as vacinas chegarán a Xibraltar o día 9 procedentes do Reino Unido