Xesús Lourido, delegado da frota de Celeiro: "A etiqueta 'Amigo do Mar' é un recoñecemento ao noso traballo"
Publicado o 10/05/2018 10:49
A semana pasada soubemos que todas as pescadas do pincho de Celeiro chegarán ao consumidor coa certificación de calidade 'Friends of the Sea' de pesca sustentable. Entrevistamos a Xesús Lourido, delegado da frota do porto de Celeiro.
- "A etiqueta 'Amigo do Mar' é un recoñecemento ao traballo da nosa xente do mar de Celeiro. Isto axuda a que os consumidores teñan claro que cando vexan o noso selo, o produto será pescada europea, pescada do pincho, pescada unha a unha con anzol. Certifica que vén dunha pesquería sostible".
- "A nosa xente do mar sempre pescou no Gran Sol con palangre e as pescadas obtéñense unha a unha por anzol. Desa maneira, a calidade é maior e o animal sofre menos".
- "Queremos garantir que a xente saiba que son das mellores e das máis sustentables que se poden atopar no mercado".
- "O selo ten detrás un labor importante: temos unha xestión de plásticos e de residuos importantísimos, cumprimos coas garantías de condicións sociais das tripulacións, temos controladas as emisións de CO2 e cúmprense todo tipo de recomendacións técnicas e biolóxicas nos barcos".
- "Este proxecto é unha aposta de conxunto. A aposta dun porto e da xente do mar de Celeiro. Lévase traballando nela desde o ano 2016 e comezamos con 8 barcos o ano pasado. Todo isto leva un proceso interno de auditorias e este ano demos un salto á totalidade da frota. Calculabamos que nos ía levar tres anos, xa que se precisan moitos documentos, pero a aposta decidida da xente fixo que queimaramos as etapas e o conseguísemos antes".
- "A frota galega é unha das máis responsables de toda Europa. A nosa frota quixo destacalo e facelo máis identificativo".
- "Actualmente temos certificados 22 barcos e estamos falando de arredor de 500 postos de traballo que están directamente vinculados coa certificación".
- "Apostamos polo mantemento dunhas boas relacións co Reino Unido despois do 'brexit'".
- "A nosa produción vai para os mercados de Madrid, Barcelona, Zaragoza e o País Vasco, pero tamén se pode atopar en calquera mercado galego".
- "Estamos facendo programas de formación para eliminar o anisakis, pero hai que ser conscientes de que cociñándoos non imos ter ningún problema".
- "Nós ao ano pasado facturamos 46-47 millóns de euros coa pescada nunha zona que está deixando de ser a grande descoñecida de Galicia: a Mariña lucense".
- "Na Mariña estamos xerando a actividade económica suficiente como para poder 140 millóns de euros en salarios con esta pesca extractiva".
- "A Mariña é a primeira comarca pesqueira de España e unha das primeiras de Europa".