CRTVG

Buscar

Xeración X, feminismo, municipalismo e máis PSOE para relanzar a lexislatura

Publicado o 11/07/2021 14:24

• Consulte a lista dos novos ministros

• Principais vítimas da remuda: Calvo, Ábalos e Redondo

 

Tras o núcleo forte e os nomes con atribucións e peso nas decisións —como Carme Calvo, Ábalos, e sobre todo Iván Redondo, o xefe das campañas de Illa en Cataluña ou de Gabilondo en Madrid—, agora é a quenda da xeración X, os fillos dos babyboomers, que naceron nos setenta e hoxe teñen entre 40 e 50 anos. Tamén das mulleres, porque o martes no consello de ministros haberá 14 canda nove homes. O 63 %. Segundo Pedro Sánchez, é a hora de políticos vidos do municipalismo.

Raquel Sánchez cedeu o seu bastón de mando na alcaldía de Gavá, en Barcelona. Ela será a nova ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

Isabel Rodríguez deixou de ser alcaldesa en Puertollano, Ciudad Real, para ser ministra de Política Territorial.

Diana Morant, que será ministra de Ciencia en substitución do astronauta Pedro Duque, tamén cesou no seu cargo de alcaldesa de Gandía, en Valencia.

Pilar Alegría, exdelegada do Goberno en Aragón, que asumirá a carteira de Educacíón e Formación Profesional, non vén do municipalismo.

Óscar López asumirá como xefe de gabinete de Sánchez a estratexia das campañas e da comunicación, en substitución de Redondo.

Ningún destes cinco novos cargos apoiaron a Sánchez nas primarias de 2016 senón a Patxi López ou a Susana Díaz. Hai quen ve nesta decisión a intención de fortalecer o PSOE a través da unión das facións políticas que nel conviven.

Para os 30 meses que restan de lexislatura haberá tres vicepresidencias e non catro, e sete caras novas.

Félix Bolaños será ministro de Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática.

O diplomático José Manuel Albares será o novo ministro de exteriores.

E Pilar Llop, da que xa se fala como cabeza do cartel electoral de Madrid fronte a Ayuso para dentro de dous anos, asumirá a carteira de Xustiza.

Noticias web

11/07/2021