Xavier Ros-Oton, premio Princesa de Girona á investigación científica 2019
A Fundación Princesa de Girona acaba de proclamar gañador do premio á investigación científica 2019 o matemático Xavier Ros-Oton. Anunciárono en Santiago, no marco da xira por España que está facendo esta entidade para impulsar o talento entre os mozos.
Antes de anunciar o nome do premiado, a Fundación Princesa de Girona organizou un encontro con estudantes composteláns que tiñan o reto de crear unha empresa ou solucións contra o cambio climático. O obxectivo da entidade é incentivar o traballo en equipo e o talento nos mozos.
O referente escollido na categoría de investigación científica é o matemático catalán Xavier Ros-Oton. O xurado encargado de escollelo reuniuse este mércores en Santiago, e un dos membros foi o xenetista Ángel Carracedo, que anima os rapaces a dedicarse á ciencia.
Os premios da fundación, que se completan coas categorías de empresa, social e artes e letras, están dotados con 20.000 euros e recoñecen o traballo de menores de 35 anos que buscan unha sociedade máis xusta.