CRTVG

Buscar

Xavi Torres: "É a final da nosa vida"

Publicado o 27/05/2021 21:50

O Lugo xoga o domingo en Vallecas para asegurar a súa continuidade na segunda división. Unha vitoria vale unha permanencia. Xavi Torres deixa clara a importancia do choque: "É a final, é a final da nosa carreira, é a final da nosa vida e imos ir alí dar o máximo por sumar eses tres puntos". 

Para conseguir eses tres puntos o Lugo ten que rachar tamén unha estatística. A que lembra as súas dificultades lonxe do Anxo Carro. Gañou dúas veces a domicilio esta temporada, a última foi en outubro en Logroño. Pero como sinala Xavi Torres: "Que mellor que salvarnos gañando este partido e rompendo esta estatística de que fóra de casa nos está custando gañar".

Non especulará o Lugo. De nada lle vale. Precisa gañar en Vallecas para garantir a salvación e a pola vitoria irá dende o primeiro: "Imos saír dende o minuto un a tentar poñernos por diante, a tentar facer todo o que nos pida o míster, e que non haxa dúbida de que imos deixar a alma por defender este club", asegura o centrocampista catalán.

O Lugo entrégase á épica para asegurar a permanencia en Segunda.

Noticias web

27/05/2021