Xaime Barreiro: "É unha mágoa que o coronavirus non chegue para poñérmonos de acordo"
Volve coller forza na axenda pública e política a idea de que para superar a crise económica provcada pola Covid-19 son imprescindibles uns acordos especiais, como o foron no seu día os chamados Pactos da Moncloa.
Xaime Barreiro é economista e profesor de Historia Económica e foi voceiro do grupo socialista no Senado entre os anos 1989 e 1993: "Non sei se aprenderei moitas cousas novas deste confinamento, pero paciencia de seguro que gañei. Estame custando traballo".
Pactos da Moncloa
—No seu momento, pensábase que se non había un ambiente de tranquilidade, especialmente no tocante ao mundo do traballo e da empresa, podía desencadearse unha dinámica de quebra política que puidese levar ao rompemento do proceso de restauración democrática. Todas as forzas políticas que subscribiron aquel pacto compartían polo menos unha cousa: o temor a que se puxese en perigo a transición á democracia. Ese era o inimigo común.
—Cal é o inimigo común na actualidade?
—Hoxe temos un inimigo moi evidente. Un inimigo que está provocando moita dor e que nos fai estar na casa o día todo. O problema é que non todas as persoas consideran que o contexto que este inimigo crea sexa suficiente para poñérmonos de acordo.
—Non se pode buscar unha saída ideolóxica a esta crise?
—Non se pode trampear a situación. A España oficial ten que darse de conta de que a España real, a que está na casa nos balcóns, estao pasando mal. Cando remate a pandemia poida que empece a tolemia e que teñamos que estar moitos meses cunha disciplina social moi alta. Podiamos pedir que tamén houbese unha disiplina política ao mesmo nivel.