Xabarís e toupas levantan o terreo no castro da Cidá de Borneiro, en Cabana de Bergantiños
A Cidá de Borneiro é un castro de finais da Idade de Ferro, segundo a datación obtida co procedemento do carbono 14. A súa plena integración na paisaxe, rodeado de monte e afastado do ruído dos coches, propicia que fozóns como o xabaril veñan aquí a facer das súas. As toupas tamén están a cooperarar nesa escavación descontrolada.
Lito Eiroa Pose, técnico de Turismo no concello de Cabana de Bergantiños: "Os animais son perigosos, pero o ser humano mesmo é máis perigoso para os xacementos. Quen ten que coidar un castro é a Administración".
"O ideal do castro de Borneiro é que houbese un centro de interpretación preto ou alguén que continuamente controlase o acceso. Se houbese xente alí controlando os animais non se achegaban tanto".
Descubriuse en 1924 e é un dos atractivos relevantes de turismo cultural na Costa da Morte, situado moi preto do dolmen de Dombate, outro gran foco de interese prehistórico. Agora está en época baixa de visitas, pero o ano pasado estiveron aquí 27.000 visitantes, dunha tipoloxía e con motivacións diversas.
Segundo Eiroa, "vanse con ganas de ver máis e vanse con outro punto de vista. Sempre pensamos que seis pedras de varias toneladas unha por riba só son iso., Pero se lles explicas o significado e te metes na pel, digamos, de quen construíu iso fai cinco mil anos e vemos a dificultade que puideron ter para facelo, a verdade é que o ves con outro punto de vista".
O guía Eiroa di que adoitan mirar as opinións que os visitantes expresan en Internet e di que un 95% delas son moi positivas.