CRTVG

Buscar

Xa viaxa cara a España o segundo avión militar con refuxiados afgáns

Publicado o 20/08/2021 13:46

Entre os 110 evacuados hoxe hai 3 familias completas que traballaron para a embaixada española e tamén a capitá da selección afgá de baloncesto en cadeira de rodas, Nilofar Bayat. Chegarán a España nas próximas horas, tras facer escala en Dubai.

O ministro de Exteriores pediulle ao secretario de Estado norteamericano que facilite no aeroporto de Cabul o tránsito dos avións españois, para continuar sacando xente. Tamén enviou outros dous diplomáticos para reforzar o operativo. José Manuel Albares asegurou que o Goberno vai "intentar sacar o máximo número de persoas mentres sexa posible", tamén activistas e persoas "especialmente significadas".

Se non evacúan máis xente, di a ministra de Defensa, é porque non dan chegado ao aeroporto, sitiado polos talibáns. Falou do caso dunha das familias evacuadas, que nunha das avalanchas perdeu unha das fillas, que acabou quedando en Cabul. "É un proceso moi dramático, de moito caos", resumía Margarita Robles.

Todos os que cheguen ao noso país serán atendidos no campamento que se levantou na base militar de Torrexón. Estas instalacións son tamén o punto de entrada en Europa para os refuxiados que se repartirán entre os estados membros, 50 no caso de España. Mañá visitará o centro Pedro Sánchez, acompañado dos presidentes do Consello e da Comisión europea.

Dende a oposición, cren que o presidente reaccionou tarde. Para José Luis Martínez-Almeida, voceiro nacional do PP, "a metáfora de como entende a xestión política Pedro Sánchez é poñerse en alpargatas e con traxe diante dunha pantalla na Mareta, en Lanzarote, a ver se convence os españois de que efectivamente está ao mando", e pídelle que convoque un debate sobre o estado da nación.

 

Noticias web

20/08/2021