CRTVG

Buscar

Xa van tres meses desde que desapareceu Julio Fernández, un veciño de Silleda de 72 anos

Publicado o 14/01/2019 13:33

Xa van tres meses dende que desapareceu Julio Fernández, un veciño de Silleda de 72 anos. Malia a intensa busca que se fixo nos primeiros días, non apareceu nin unha pegada do seu paradoiro. Na súa procura chegaron ata a concello da Estrada. Á familia só lle queda que en plena tempada de caza alguén poida atopar unha pista.

Julio falta da súa casa de Aldea Grande en Saídres dende o once de outubro. Avisou o seu irmán, co que vivía, de que saía dar un paseo, pero xa non regresou. Este veciño de Silleda de 72 anos padecía alzhéimer.

Paula Fernández, sobriña do desaparecido: "Hai tempo que xa non temos ningún tipo de novidade e está todo en mans da Policía Xudicial, pero non temos ningunha pista non sabemos nada. É moi frustrante, ademais, nas datas que viñeron agora era moi desesperante".

A pista perdéuselle na parroquia de Martixe, preto da igrexa. Alí viuno camiñando un veciño, co que intercambiou un saúdo. A partir de aí, nada máis se soubo do seu destino. Unha vez activada a alerta pola desaparición, foron varios os avisos do seu posible avistamento en zonas próximas á vivenda e mesmo en parroquias da Estrada e Vila de Cruces, pero sen resultados.

Paula Fernández, sobriña do desaparecido: "Foi a unha hora en que a xente sae de traballar, hai coches pola estrada e en ningún momento houbo unha noticia máis que a que temos certa da unha e cuarto. Houbo moitas horas de día para buscar... Un pouco imposible todo. Como se desaparecese, como se o tragase a terra".

Veciños, voluntarios, persoal de urxencias e axentes da Garda Civil e da Policía Local buscaron intensamente durante case un mes. A partir de aí, os rastrexos sucedéronse, aínda que máis esporádicos e xa realizados por iniciativa dos seus achegados. Pero os resultados foron nulos.

Paula Fernández, sobriña do desaparecido: "Agora mesmo pensas calquera cousa. Pois desde que lle deron un golpe e o tiraron en calquera sitio. Non sabemos. Que camiñara moitas horas pode ser, houbo moita tarde aínda, pero nalgún momento tería que cansarse, alguén tería que ver algo, non se sabe".

A investigación continúa aberta, pero a Garda Civil non ten ningún indicio que a poida levar ao lugar onde podería estar o corpo de Julio Fernández, despois de manexar moitas hipóteses. Unha vez paralizada a procura, en novembro, axentes da Policía Xudicial tomaron mostras de ADN dos irmáns e do propio desaparecido, valéndose dos seus aveños persoais, como as coitelas de afeitar que empregaba. A Benemérita volverá activar o rastrexo a condición de que xurda algunha nova pista fiable.

Noticias web

14/01/2019