CRTVG

Buscar

Xa van preto de 2.000 mortos e 10.000 feridos tras o sismo da fin de semana en Haití

Publicado o 18/08/2021 10:06
Xa van preto de 2.000 mortos e 10.000 feridos tras o sismo da fin de semana en Haití

As autoridades haitianas actualizaron o balance de damnificados polo devastador terremoto que sacudiu a illa a fin de semana pasada e que deixou xa 1.941 mortos e preto de 9.900 feridos. Nas últimas horas lográronse rescatar con vida 16 persoas que se atopaban atrapadas baixo os entullos das antigas instalacións que as Nacións Unidas tiñan na cidade de Brefet, no sur.

A forte choiva que caeu por mor da tormenta tropical Grace dificultou os labores de rescate, chegando mesmo a teren que se interrompidos. As precipitacións causaron fortes inundacións na parte sur da illa, a mesma que o sábado foi azoutada por un terremoto de 7,2 na escala de Richter.

O Goberno haitiano recoñeceu que "a situación humanitaria é moi preocupante" e que "a poboación se enfronta a necesidades humanitarias urxentes", polo que agradeceu os esforzos da comunidade internacional, que permitiron xa "o despregamento de equipos de socorro, rescate e procura". "O traballo segue sendo enorme. Unha vez máis, o Goberno acolle con satisfacción a solidariedade e axuda mutua sen a cal nos resultaría difícil intervir rapidamente para rescatar as vítimas", agradeceu.

Noticias web

18/08/2021