CRTVG

Buscar

Dúas persoas mortas e outras dúas feridas en accidentes de tráfico desde o domingo

Publicado o 25/02/2019 16:23

Accidente de Noia

A Policía Local de Noia investiga as circunstancias do accidente en que morreron unha muller e o seu xenro na madrugada do domingo, tras chocar frontalmente contra un edificio. Todo apunta a que o condutor quedou durmido. Os veciños aseguran que xa é o cuarto turismo que se esnafra no mesmo lugar e piden medidas para evitar o exceso de velocidade na zona.

A parroquia do Obre está consternada tras o tráxico accidente en que morreron unha muller de 41 anos e o seu xenro de 21. Os dous eran moi coñecidos en Noia, onde residían e traballaban no sector da hostalaría. O mozo, ademais, ía ser pai nuns meses.

"Unha pena, porque era un rapaz moi novo, a señora tamén, que dá igual, pero pasou e desde logo foi un accidente de armas tomar".

"Unha pena das grandes, porque eran novos, o rapaz, a nai, o neto, van todos. Unha desgraza por non ter precaución na estrada. E grazas que foi ás cinco da mañá, que por aquí está todos os días pasando xente, como esta xente traballando..., unha desgraza", din os veciños.

"Quedaron durmidos. Debeu de ser así, parece ser que o rapaz foi buscar á señora e o que di a xente é que debeu quedar durmido e aí está o que se ve". "A curva é mala, pero se veñen con moderación non deberían dar aquí, pero xa non é o primeiro". "Tres coches xa van, e os que virán, os que lle quedan, porque veñen a moita velocidade, demasiada. Eu non me explico como non arreglan, habían de poñer unha lomba, porque aquí veñen polo menos a 80, 90... non hai quen os pare".

O límite de velocidade nesta estrada está nos 50 km/h. A escasos 500 metros de onde se produciu o sinistro, rexistrábase outro aparatoso accidente o día anterior, cando outro turismo, en plena recta, batía contra este poste de formigón.

Accidente de Curtis

Esta mañá houbo outro accidente. Foi contra as dez menos cuarto na Nacional 634, á altura de Fisteus, no concello de Curtis. Un coche sufriu unha saída de vía e o mal estado en que quedou o vehículo obrigou os membros do GES a liberar a condutora do habitáculo. O 112 mobilizou á zona un helicóptero medicalizado que trasladou a ferida ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

Accidente na autovía A-52

Un home quedou ferido esta mañá nun accidente de tráfico na autovía A-52 ao seu paso polo termo municipal das Neves.
O suceso tivo lugar pouco despois das 9 e media. Por causas que se descoñecen, un coche e un tráiler que se dirixían cara a Ourense colidiron no quilómetro 273, á altura da parroquia de Batalláns. Ata o lugar do sinistro trasladáronse a Garda Civil e unha ambulancia do 061, que trasladou o condutor do turismo ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/02/2019