CRTVG

Buscar

Xa son quince os contaxiados no brote do Saviñao, todos do mesmo grupo familiar

Publicado o 26/07/2020 15:30

Estamos pendentes do brote no Saviñao. Aquí hai 15 contaxiados, segundo o último parte facilitado polas autoridades sanitarias, Ánxela Loira.

O foco de coronavirus en O Saviñao conta cun novo resultado positivo e afecta xa a once persoas. Comezou nunha xuntanza familiar. Un dos asistentes, logo dunha viaxe a Madrid, presentou síntomas. Ao facerse as probas advertiuse ao resto da situación.

Indica o alcalde que "Sanidade non está preocupada dentro do que é a gravidade porque os dez casos que se deron son no mesmo entorno familiar e dentro do marco dunha festa de aniversario, co cal é previsible que ao mellor non se expandise máis. Se ese caso se da é un tema que estaría controlado".

O foco identificouse con rapidez e todo apunta a que procede de fóra do municipio.

"Había xente de Madrid e creese que o caso cero puido vir importado, pero é certo que rapidamente, nun tempo récord xa o venres se fixeron vinte e dúas probas a toda a xente que estaba no aniversario, que onte se ampliou en máis de medio cento. Polo tanto entendo que de toda a xente que estivo na festa e dos que tiveron contacto posterior con eles hoxe teremos resultados", adianta o rexedor municipal.

En canto se confirmaron os positivos o alcalde decidiu extremar as precaucións para evitar novos contaxios e convocar a xunta de portavoces para consensuar co resto da corporación as medidas de restrición.

Así, informouse aos comerciantes do mercado de Currelos da situación, para evitar concentracións de xente e extremar as medidas de hixiene. O Concello vai intensificar a desinfección de rúas, colectores e establecementos públicos e valorará pechar a residencia de maiores, a piscina e as escolas de verán.

 

 

Noticias web

26/07/2020