CRTVG

Buscar

Xa son dezanove os usuarios falecidos por covid-19 da residencia de Outeiro de Rei

Publicado o 26/09/2020 19:36

Coas dúas mortes anunciadas na tarde deste sábado, dúas mulleres de 92 e 85 anos que estaban ingresadas no HULA, xa son deazanove os residentes do centro de maiores de Outeiro de Rei que faleceron por covid-19. O gromo detectouse hai un mes e os últimos datos falan de 141 contaxiados, dos que unha vintena están hospitalizados. Volveron aumentar os casos positivos na provincia de Lugo. Hai doce máis ca onte e xa suman 642. 

A residencia de maiores de Outeiro de Rei é arestora o gromo de covid máis destacado na provincia de Lugo. Coa morte dun home de 65 anos que estaba ingresado no hospital Lucus Augusti logo de contaxiarse no centro de maiores xa son 17 os residentes que faleceron.

En total, neste centro hai cento corenta e un residentes contaxiados, dos que vinte e un están ingresados no Hospital Lucus Augusti de Lugo. Entre os traballadores, hai 24 que deron positivo en coronavirus. O Sergas fixo un novo cribado hai uns días, pero os resultados aínda non se coñecen.

Na provincia de Lugo volveron aumentar os casos activos. Hai doce máis ca onte. En total son seiscentas corenta e dúas as persoas afectadas en toda a área sanitaria. Sete delas están na UCI do Hula e outras vinte e nove na planta de hospitalización.

No sanatorio Polusa tamén hai nove ingresados. Son residentes da unidade do maior deste policlínico, onde se detectou un gromo hai uns días. Desde que comezou a pandemia, na provincia de Lugo houbo 85 falecementos relacionados co coronavirus.

Noticias web

26/09/2020