CRTVG

Buscar

Xa son 15 os contaxiados do gromo na Delegación da Xunta en Lugo

Publicado o 03/06/2021 20:40

• Continúa o cribado a todo o persoal que traballa no edificio

A maioría das 700 persoas que traballan na Delegación da Xunta en Lugo xa pasaron facer a PCR polo covid-auto do hospital da cidade. Só un pequeno grupo quedará para o venres. Os cribados seguen sacando a luz máis casos, ata o de agora de persoas que traballan na mesma zona do mesmo andar do edificio oficial.

"De momento, o número de positivos que temos son quince. Do resto das plantas xa comezamos a ter resultados duns 180, de momento todos negativos", informou Ramón Ares, xerente da área sanitaria.

Aos cribados para atallar gromos concretos súmase en Vigo a busca activa de asintomáticos, Desta volta nun área comercial do centro da cidade que xa logrou reducir a incidencia por debaixo dos cen casos por cada cen mil habitantes. Pontevedra é a única cidade galega cunha taxa por riba dese nivel tras rexistrar un preocupante aumento dos contaxios nas últimas xornadas. A algúns pontevedreses sorpréndelle porque consideran que a xente está tendo un comportamento exemplar. Outros cren que está habendo unha relaxación no cumprimento das medidas.

No conxunto de Galicia a taxa de incidencia da covid segue caendo. Xa está en 64 casos por cen mil habitantes. Todas as áreas sanitarias téñena por debaixo de 100 e as de Ourense e A Coruña en menos de 50, é dicir, en risco baixo de covid.

Noticias web

03/06/2021