CRTVG

Buscar

Xa se pode visitar en Viveiro o único belén a tamaño natural que hai en Galicia

Publicado o 06/12/2017 13:52

En Viveiro xa pode visitarse o único belén a tamaño natural que hai en Galicia. E o máis grande do país. Ten máis de medio cento de figuras, e pódese pasear entre elas, coma se estivesemos realmente en Belén. Pero ademais do nacemento de Xesús tamén se representa un mercado tradicional e os obradoiros dos oficios artesanais. É un dos atractivos turísticos principais da vila nestas datas.

Un ano máis o atrio da igrexa de Santa María convértese nunha cidade, a que se representa no belén máis grande que se exhibe en Galicia. O único a tamaño natural, formado por máis de medio cento de figuras de cartón pedra. Un pode pasear entre os postos do mercado tradicional, algúns moi vinculados á tradición mariñeira da vila. Tamén o ciclo da auga ten moito protagonismo, coa fervenza, o lavadoiro de roupa e o muíño.

E tamén é posible adentrarse nos obradoiros artesanais.
O belén medra cada ano e xa se expande cara aos edificios lindeiros, onde atopamos as escenas do castelo de Herodes, presidido polo propio personaxe no seu trono.

A visita do belén é obrigada para os turistas que visitan a cidade nestas datas. E moitos incluso repiten.

O belén pode visitarse ata o 14 de xaneiro.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/12/2017