Xa se pode visitar a Ribeira Sacra virtualmente a través dun xogo
Dende calquera ordenador, teléfono ou dispositivo conectado a Internet xa se pode descargar o xogo 'Búscao na Ribeira Sacra'. Trátase dunha fórmula das coñecidas como scape room que, mediante 21 pistas, adiviñanzas e preguntas leva a identificar diferentes paisaxes, monumentos e localizacións na zona onde conflúen o Sil e o Miño. Posto que o xogo está pensado para toda a familia e especialmente para os cativos, o nivel de dificultade non é moi elevado. O obxectivo é que se poida desfrutar das vistas da Ribeira Sacra aínda que non sexa posible visitala polo momento.
"Son 21 probas para que goce toda a familia e se dea a coñecer a Ribeira Sacra. E lembrar as recomendacións sanitarias en todo momento".
Ademais, o xogo foi concibido para seguir co labor de difusión e promoción da oferta turística da Ribeira Sacra para seguir sendo un destino de referencia en canto se recupere a posibilidade de recibir turistas.
"Poden levar diferentes premios que desfrutarán cando se recupere a actividade turística".
Por outra banda, dende o Consorcio de Turismo están a elaborar un álbum con fotos de lembranzas dos turistas que visitaron algún establecemento hostaleiro da Ribeira Sacra para potenciar a experiencia que supón facer turismo na zona.