CRTVG

Buscar

Xa se pode solicitar o certificado de vacinación nas farmacias galegas

Publicado o 09/07/2021 14:29

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) asinou este xoves cos colexios oficiais de farmacéuticos das catro provincias galegas o protocolo de actuación para que as farmacias poidan expedir desde hoxe os certificados de vacinación da covid−19.

Os galegos acudían xa este venres ás farmacias para solicitar o seu certificado covid. Poden recibir, en papel ou no seu correo electrónico, tres tipos de certificado: o de vacinación, no caso de que teñan a pauta completa, o de diagnóstico se obtiveron un resultado negativo, ou o de recuperación, que indica que xa pasaron a enfermidade.

O coñecido como 'pasaporte covid' é necesario para poder viaxar aoutros países e, dende o sábado, tamén poderán pedilo aos seus clientes algúns locais de ocio nocturno galegos. Outra colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e as farmacias é a xestión de PCRs a través de mostras de cuspe. Está dirixido a persoas entre os 12 e os 64 anos, e é precisamentea a xente nova a que está a solicitar máis estas probas.

Segundo destaca o Goberno galego, Galicia conta cunha poboación especialmente envellecida, ao que se suman outros factores como os da dispersión e a fenda dixital, e iso pode supoñer dificultades para a poboación de idade á hora de acceder a determinadas utilidades ou servizos en soporte dixital.

Os farmacéuticos xa colaboraron en toda a pandemia con outras iniciativas, como a entrega de máscaras o ano pasado ás persoas con baixos ingresos ou a xestión das mostras de saliva para a realización de PCR polo sistema de pooling.

Noticias web

09/07/2021