Xa se pode obter o DNI europeo, que incorpora novas medidas de seguridade

Os cidadáns españois que renoven desde este luns o seu documento nacional de identidade xa obterán o novo DNI europeo, unha versión electrónica do DNI que inclúe novas medidas de seguridade tanto visibles como invisibles e que no futuro poderá levarse no móbil.
A maior diferenza é o título, que virá, cando menos, noutro idioma comunitario. No noso caso iría en castelán e inglés, e na esquina abaixo, en galego. Ademais, tamén están as dúas letras nun cadrado do país que expide o DNI. Na parte de atrás está o mapa do país que expide o documento e difuminada a bandeira da UE e de España.
A Policía Nacional, xunto coa Fábrica Nacional de Moeda e Timbre, deseñou un soporte que inclúe características materiais, técnicas, de seguridade, funcionais e de usabilidade acordes coas necesidades da era dixital.
Segue sendo necesario traer fotografía e pedir cita previa, aclara a Policía Nacional, e hai que ter en conta que nestes momentos a espera pode ser dunha semana ou dez días.
Está previsto que nos próximos meses lancen o DNI exprés, un sistema de expedición semiautomático co que se pretende reducir tempos de espera durante as renovacións e incrementar a seguridade obtendo unha fotografía no mesmo momento.