A praia das Catedrais retoma as visitas con autorización previa
Os turistas chegaban preparados no primeiro día deste verán en que é necesaria a autorización previa para acceder á praia das Catedrais.
"Si, hoxe xa vimos coa nosa autorización. Fíxonola o señor do hotel. E moi ben, todo moi ben", conta unha parella de turistas.
Este ano, ao control da ocupación súmanse as medidas establecidas polo coronavirus, como o uso de máscaras, distancia física e algunhas máis.
Luis López Campo, axente territorial do distrito 6 da Mariña, cóntanos que Para baixar e subir á praia están organizándose quendas.
"Hai unha persoa abaixo e outra arriba para controlar que cando baixa xente non suba ninguén e ao revés", di.
Tamén hai novidades nas visitas guiadas.
"Son en grupos reducidos, como máximo 25 persoas, e sempre con reserva", recorda López Campo.
Todo este protocolo, din os visitantes, non lles impide gozar deste lugar.
"É precioso. Está moi chulo. É moi distinto e tiña moitas ganas de coñecelo", asegura outro turista que vén do sur de España.
Este verán, pola pandemia, tamén hai que pedir cita previa para acceder ao Fuciño do Porco, no Vicedo. E coa chegada de xullo, reabren ao público a Cova do Rei Cintolo, en Mondoñedo, e o parque acuático de Cerceda. O mosteiro de Oia retoma as visitas guiadas en grupos reducidos.