CRTVG

Buscar

Xa están xunto ao "Blue Star" os remolcadores para o seu reflotamento

Publicado o 08/12/2019 15:09

Xa están xunto ao "Blue Star" todos os remolcadores que van intervir no rescate do quimiqueiro embarrancado en Ares. O último en chegar está considerado un dos máis potentes para operacións deste tipo.

É o Boka Pegasus. Procedente de Escocia, chegou nas últimas horas ao lugar do sinistro, tras facer escala no porto da Coruña.

Xunto ao Union Princess, que se posicionou na zona onte, son os dous grandes remolcadores que van participar no rescate do Blue Star.

De momento, seguen os traballos desde terra e a bordo do quimiqueiro para mellorar a súa flotabilidade cando o retiren das rochas.

A pesar da chuvia e do enlamado que está o camiño, un día máis o lugar non deixa de recibir curiosos.O propósito da empresa holandesa que dirixe a operación de rescate é reflotar o Blue Star nesta semana que entra.

O sábado que vén, no que a preamar vai ser máis alta, parece o mellor día, pero se se dan as condicións poderían intentalo antes, aínda que tampouco se descarta ter que adialo en función do tempo.

Noticias web

08/12/2019