Xa está localizada unha das persoas que alugou e esnaquizou un apartamento nunha festa ilegal en Santiago
Máis de tres mil euros, iso é o que lle vai custar arranxar o piso turístico a unha veciña de Santiago. Está mañá presentou a denuncia na comisaría. Atopouno desfeito despois dunha festa ilegal. Durante a fin de semana houbo máis incidentes con grupos de rapazada que estaban de festa. Inés Boyero, hostaleira di que hai un grupo de whatsapp no que alugan apartamentos e despois venden entradas para festas ilegais.
Todo parecer ser obra dun grupo organizado. Leváronlle o televisor e o rúter. O sofá cama roto, botellas de whisky, vodka e cervexa por todas partes. Cristais rotos e colchóns inservibles. Inés está á espera da valoración dos peritos prevista para mañá. Non lle van chegar tres mil euros para compoñer outra vez o piso. A vivenda alugouna unha parella duns vinte anos, do veciño concello de Teo, para pasar a noite. Un deles xa está localizado.
Inés asegura que a hostalaría estamos pasando moi mal momento. "Eu teño tamén hostais en Santiago ademáis de apartamentos. E para un día que alugas e che fan isto, pois fúndete".
Avisouna unha veciña de que os inquilinos organizaran unha festa e que mesmo tivera que acudir á Policía Local, polo balbordo ás cinco da mañá. Os inquilinos enfrontaranse a unha multa de 700 euros por exceso de ruído.
"A veciña di que estaba todo aberto, con música, estaban rompendo todo. Séntese nas escaleiras como se estíveramos na súa casa. As mozas berrando que era algo incrible".
Non foi o único problema causado polas festas. Na Coruña, a Policía Local sancionou dez mozos por incumpriren o toque de recollida, o consumo de alcol na rúa, as limitacións de reunións e por non levar máscara.