As novas restricións xa están en vigor: Arteixo, Xinzo e Viveiro, coas máis duras
Case tres de cada catro galegos amenceron no nivel de restricións máis alto, que se aplica para deter a escalada de contaxios en municipios que xa superan os 250 casos por cen mil habitantes.
Sumáronse esta noite 55 concellos a estas limitacións, entre eles as cidades de Vigo e Pontevedra, e neste momento son xa 115. A máis visible afecta á hostalería, que só pode servir na terraza ao 50 % ata as seis da tarde. A maiores, estes concellos están pechados perimetralmente.
Pero hai máis. En Arteixo, Viveiro e Xinzo a explosión de casos motiva medidas máis duras.
Tocou baixar a reixa en todos os establecementos que non estean considerados servizos esenciais. Arteixo, Viveiro e Xinzo amenceron este xoves baixo as restricións extremas que xa se aplicaran con éxito no Carballiño. Hostalería só atende para recoller ou repartir a domicilo. Pechados ximnasios, bibliotecas e actividades culturais. Poden abrir salóns de peiteado e comercio.
En Xinzo da Limia a nova situación colleunos ás portas do Entroido.
"Haberá máis entroidos. O que temos agora enriba da mesa é salvar a saúde, que é o máis importante", di a alcaldesa de Xinzo.
O nivel máis duro de restricións para as peores cifras epidemioloxicas de Galicia. Medidas drásticas para poñer freo á multiplicación dos contaxios. De momento nestes tres concellos, pero Sanidade advertiu de que se aplicará o mesmo criterio se é preciso en máis municipios.
Xinzo, Arteixo e Viveiro teñen unha incidencia por riba dos mil casos por cen mil habitantes a catorce días.